martes, 29 de xaneiro de 2019

I Xornada Intercultural




 I Xornada Intercultural IES San Paio 
Eurocidade Tui-Valença
Luns, 28 de xaneiro de 2019



O 28 de xaneiro celebramos no IES San Paio a I Xornada Intercultural.



Vídeo realizado pola profesora Amalia Pérez Otero

A actividade consistiu nunha mesa redonda na que participaron catro estudantes de bacharelato de catro nacionalidades diferentes: Cibelle, de Brasil; Fátima, orixinaria de Marrocos; Rafael, de Venezuela e Jonathan, de Alemaña. Asistiron ao coloquio alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO. Moderou o acto a profesora María Bravo, coordinadora do Proxecto Erasmus + KA1 Eurocidade: Tendendo Pontes. A xornada foi unha iniciativa dos departamentos de Castelán e Inglés.





O coloquio estaba estruturado en tres bloques temáticos: 
  1. A cultura de orixe
  2. A vivencia do cambio
  3. A cultura de acollida
Cada unha destas seccións incluía unha serie de preguntas preparadas polos alumnos de 4º ESO D na clase de Lingua castelá. Polo que respecta á cultura de orixe, os relatores faláronos da súa vida cotiá nos países dos que proceden, a escola, as comidas, a situación económica, tradicións, deportes, etc. En canto á vivencia do cambio, había interese por coñecer as súas primeiras impresións de Tui, por que viñeron a Tui e non a outra parte, as dificultades de adaptación e os problemas coas linguas. Por último, no terceiro bloque do coloquio, Cibelle, Fátima, Rafael e Jonathan reflexionaron sobre o que máis e menos lles gustaba da cultura de acollida. Houbo de todo: desde morriña dos antigos sabores ata loas entusiastas ao xamón e ao peixe!


E se tivesen que resumir nunha palabra a súa experiencia do choque cultural? Interrogados pola moderadora, estas foron as respostas; casa, encaixar, familiar, a gusto... Ah, nestes tempos de descrédito quedounos a grata impresión de que algunha cousiña faríamos ben como comunidade educativa!!


Para saber máis sobre interculturalidade, recomendamos a páxina de Aula Intercultural, onde atoparedes excelentes materiais teóricos e ferramentas didácticas:


https://aulaintercultural.org/




Ningún comentario:

Publicar un comentario